ACAV somos un colectivo de asociacións veciñais sen ánimo de lucro, plural e diversa, con presenza nas administracións, o noso ámbito de actuación é o termo municipal da Coruña e naquelas cuestións que afectan á nosa área de influencia, sendo un elemento que participa nas solucións aos problemas transversais que afectan a todas as asociacións e unha correa de transmisión e apoio para dar solucións individuais a calquera asociado. Sabemos que entre todos faremos máis barrio e máis cidade. Dende hai demasiado tempo, moitos veciños e veciñas desta cidade, xa sexa a título individual, colectivo ou a través de asociacións, veñen demostrando a frustración pola actitude amosada polo Goberno Municipal ante as nosas reivindicacións que non son froito de ningún capricho senón de verdadeiras necesidades e preocupacións que temos como cidadáns da Coruña.
Neste colectivo veciñal o único que nos move é o benestar e a calidade de vida dos nosos veciños: arranxo de baches, limpeza, servizos públicos, licenzas, seguridade, mobilidade… que son obrigas ás que debe dar cumprimento o goberno municipal e, como coruñeses, temos dereito de demandar.
Somos veciños e veciñas que, de xeito voluntario, solidario e desinteresado, mobilizámonos para colaborar, solicitar, mellorar, propoñer, dialogar e traballar coa única finalidade de que entre todos podamos construír unha cidade segura, inclusiva, limpa, solidaria, moderna, respectuosa co medio ambiente e combativa contra o cambio climático, onde o teu barrio, os teus veciños e ti, sentides que é un eixo esencial na construción da cidade que merecemos e queremos.
Vivir na Coruña que bonito é.